Estás en:Novas

Formoso destaca o compromiso da Deputación á hora de implementar políticas de emprego para maiores de 45 anos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na inauguración da I Feira de Emprego Encuentros 45+ organizada pola Cámara de Comercio da Coruña na sede de Afundación
A feira, destinada a persoas de entre 45 e 60 anos en busca de emprego, conta coa participación dunha trintena de empresas que precisan profesionais con perfil sénior para os seus procesos de selección actuais

Formoso destaca o compromiso da Deputación á hora de implementar políticas de emprego para maiores de 45 anos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá xunto ao director da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo, e o xerente de Afundación, Pedro Otero, na inauguración da I Feira de Emprego Encuentros 45+, organizada pola entidade cameral na sede de Afundación.

González Formoso quixo agradecer "á Camara de Comercio esa sensibilidade que compartimos desde a Deputación á hora de ter en conta á poboación de máis de 45 anos en situación de desemprego, que na actualidade supón arredor dun 60 % dos parados totais na nosa provincia".

O dirixente provincial engadiu que "tal é así o diagnóstico compartido que en todas as políticas de emprego da nosa institución, que suman máis de 110 millóns de euros, teñen prioridade de contratación en todas as liñas as persoas maiores de 45 anos, incluíndo ademais certas vantaxes, como a prioridade  na rede provincial de coworkings".

Por último, Formoso indicou que "reunir a tantas empresas importantes de Galicia nun espazo común parécenos unha idea moi positiva, e mesmo valoramos a posibilidade de realizala non só nas grandes cidades, senón en municipios máis pequenos".

Segundo indicou o director da Cámara de Comercio, Manuel Galdo, "observamos que este segmento de poboación de máis de 45 anos son xente con cualificación e experiencia en diferentes sectores, e como sociedade non podemos permitirnos prescindir deles, por iso temos que atopar a forma de volver a incluílos no mercado laboral".

Galdo subliñou que "a principal dificultade destas persoas para atopar traballo de novo é a reconversión en materia de coñecementos e a nivel mental, por iso traballamos con eles achegándolles diferentes habilidades".

A feira, destinada a persoas de entre 45 e 60 anos en busca de emprego, conta coa participación de case 30 empresas que buscan profesionais con perfil sénior para os procesos de selección que teñen en marcha.

Aqueles interesados que se acheguen teñen a oportunidade de ter unha breve entrevista inicial nos postos alí presentes, proporcionando unha solución a ambas partes.

Na actualidade, co envellecemento da poboación, practicamente a metade das persoas traballadoras en idade activa supera os 45 anos, e por iso é importante que a administración desenvolva políticas de fomento do emprego nesa franxa de idade.