Estás en:Novas

A Deputación apela á colaboración entre administracións para mellorar a seguridade e convivencia nos centros educativos

A deputada provincial e delegada de Educación, Yoya Neira, participou esta mañá na inauguración da III Xornada Formativa o "Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas"

Trátase dun programa do Ministerio do Interior dirixido a garantir e promover a cultura de seguridade da poboación en idade escolar

A Deputación apela á colaboración entre administracións para mellorar a seguridade e convivencia nos centros educativos

A deputada provincial delegada de Educación, Yoya Neira, participou esta mañá na inauguración da III Xornada Formativa do "Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos", que tivo lugar no Pazo de Mariñán, xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, o director de área Alta Inspección Educación DG Galicia, Xosé Lois García Carballido, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez.

A deputada provincial sinalou que "é necesario que colaboremos entre as diferentes administracións para que poidamos acadar unha contorna segura e cunha boa convivencia nos centros escolares".

"A adicción ao teléfono móbil, a saúde mental, o acoso sexual e o acceso ao diñeiro dixital son varias das problemáticas ás que se enfrontan os rapaces e as rapazas no seu día a día, e é o noso labor como institucións dotar tanto aos mozos e mozas como ás distintas entidades involucradas das ferramentas necesarias para erradicar os problemas asociados a estas cuestións" engadiu Neira.

O Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas é un programa operativo do Ministerio do Interior dirixido a garantir e promover a cultura de seguridade da poboación en idade escolar, que reúne a máis de 75 persoas representantes da comunidade escolar de Galicia e a Forzas de Seguridade do Estado para analizar os retos da convivencia e seguridade nos centros educativos de Galicia.

A xornada formativa conta con catro mesas redondas que tentan responder a diferentes demandas trasladadas polas persoas que realizan diferentes formacións nos centros educativos, ademais dos propios equipos directivos e docentes.

A primeira das mesas será en relación ás adiccións, a segunda sobre saúde mental, a terceira sobre acoso sexual e a derradeira sobre acceso ao diñeiro dixital.

Nas catro mesas participarán persoas expertas nas distintas materias, formadores da Policía Nacional e a Garda Civil, responsables de asociacións e de empresas de sectores relacionados coas distintas temáticas.