Estás en:Novas

A Coruña prepárase para acoller a Final Four da WSE Champions League Women de Hockey Feminino

O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou hoxe en María Pita xunto á alcaldesa, Inés Rey, na recepción aos equipos participantes na competición, que se celebra esta fin de semana no Pazo dos Deportes de Riazor coa colaboración da Deputación da Coruña 

A Coruña prepárase para acoller a Final Four da WSE Champions League Women de Hockey Feminino

Os equipos participantes na Final Four da WSE Champions League de hóckey a patíns feminino, a máxima competición a nivel continental desta disciplina deportiva, participaron esta tarde no Pazo Municipal de María Pita nunha recepción oficial que estivo presidida pola alcaldesa, Inés Rey, acompañada do deputado de Deportes, Antonio Leira, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e autoridades e representantes das demais administracións e entidades deportivas colaboradoras, entre elas o presidente da Federación Española de Hockey, Carmelo Paniagua. Tamén estiveron presentes xogadoras e directivas dos catro equipos participantes: Hockey Club Coruña, Club Patín Fraga, Hoquei Patins Vila-Sana e Hoquei Club Palau.

Leira destacou o apoio da Deputación a un evento que esta fin de semana converte á cidade herculina na capital do hóckey feminino e referendou "a aposta absoluta do goberno provincial pola promoción do deporte feminino en todas as disciplinas deportivas".

O deputado deu a benvida ás xogadoras e desexoulles sorte na competición, especialmente ao HC Coruña, equipo anfitrión que disputará esta espectacular competición ata o domingo no Pazo dos Deportes de Riazor.
A primeira semifinal será este sábado ás 17.00 horas entre Vila-Sana e Hoquei Club Palau. Ás 19.30 horas será a quenda de Club Patín Fraga e Hockey Club Coruña. O domingo ás 12.00 horas terá lugar a gran final, tamén no Palacio dos Deportes. De maneira paralela celebrarase na cidade deportiva de Riazor un campionato sub-17 e sub-13 que enfrontará a diferentes equipos nacionais e galegos.